18 de marzo de 2011

O ENTROIDO


O ciclo do entroido ten nas diferentes vilas de Galiza distintas extensións. Tense tomado como referencia o entroido de Xinzo como o máis longo, se ben a súa distribución en cinco semanas é común a boa parte das comarcas centrais ourensás, como Maceda. En realidade non é o ciclo máis longo pois este é o de Laza onde o ciclo comeza segundo se dan as badaladas o día de ano novo co primeiro folión. Tamén son en ocasións máis longos que o entroido de Xinzo o entroido de Verín e o entroido de Vilariño de Conso, segundo en que momento de febreiro ou marzo caia o entroido pois en Verín o ciclo da comezo o día de San Antón (17 de xaneiro) e en Vilariño de Conso o ciclo da comezo o día de Candelas (2 de febreiro).

As súas datas fundamentais, por orde, son:

· Domingo fareleiro

· Domingo oleiro

· Xoves de compadres

· Domingo corredoiro

· Xoves de comadres

· Domingo de entroido

· Luns de entroido

· Martes de entroido

· Mércores de cinza

· Domingo de piñata

As máscaras do entroido galego presentan, segundo as zonas e comarcas, trazos diferentes. Podemos distinguir dous grandes grupos:

· As máscaras ourensás, que pertencen aos entroidos dun arco de vilas que nace en Maceda e Allariz, esténdese polo sur da provincia e remonta polo leste ata chegar á Ribeira Sacra. Son, habitualmente, máscaras coloristas que cobren a cara, realizadas moitas delas en madeira e que teñen como misión meter medo, asustar, bater nos veciños ou escorrentalos. Aínda que ás veces van en grupo, a súa presenza é habitualmente individual. Entre elas están os cigarróns de Verín, os peliqueiros de Laza, os felos de Maceda, os boteiros de Vilariño de Conso, de Manzaneda e de Viana do Bolo, os irrios de Castro Caldelas, as charrúas de Allariz, as pantallas de Xinzo, os vergalleiros de Sarreaus, os murrieiros da Teixeira, os troteiros de Bande, os vellarróns de Riós, etc.

· As máscaras da zona atlántica, nunha zona non continua que vai dende Cangas e Vilaboa ao sur ata as comarcas do Deza e o val do Ulla. Son traxes tamén coloristas, pero que frecuentemente deixan o rostro descuberto. Neles o traballo individual de elaboración do vestido é importante, pero máis o é a performance, que adoita ser colectiva. É o caso dos xenerais de Deza e de Ulla, as damas e galáns de Cangas e Vilaboa e as madamitas e madamitos do entroido de Cotobade.

Tamén existen outros costumes:

· Mecos bonitos e mecos feos de Froxás das Viñas.

· Volantes da Ribeira do Miño (Parroquias de Santiago de Arriba, San Pedro, Camporramiro e Nogueira).

· O Oso de Salcedo, en Salcedo (A Pobra do Brollón).

· O merdeiro en Vigo.

· Os felos en Maceda.

(Na Galipedia, a Wikipedia en galego)

No hay comentarios:

Publicar un comentario